María Xosé Silvar, «Sés»

Sés é o proxecto musical da cantautora coruñesa María Xosé Silvar: ritmos americanos repensados en galego e en feminino, letras escritas a conciencia e unha actitude enérxica e independente enriba e debaixo do escenario

Sés, de xira con Budiño
na Arxentina

María Xosé Silvar segue sumando colaboracións e proxectos ao máis alto nivel no mundo artístico: o último é a súa participación na inminente xira arxentina de Xosé Manuel Budiño. Sés viaxará á Arxentina para participar como percusionista e vocalista nos cinco concertos que ofrecerán o gaiteiro e a súa banda no país americano entre 29 de outubro e o 3 de novembro -tres deles en Bos Aires e dous en Córdoba-. Budiño, que a pasada primavera xa estivo de xira en Colombia, presentará na Arxentina o seu último disco, Volta, ademais dos grandes éxitos da súa carreira.

Máis información na web de Budiño ou no seu Facebook.

Colaboracións

Eis unhas imaxes que dan conta da colaboración de Sés con outros artistas galegos nos últimos meses:

1. Sés e Antón Reixa (Os Resentidos) no concerto 30º aniversario ‘A tribo toda baila’. Foto: Pixelin Photo 2. Sés e Bocixa (Zënzar) no festival Terra da Fraternidade en Homenaxe ao Zeca Afonso, en Compostela. Foto: Pixelin Photo 3. Uxía, Sés e Magin Blanco no concerto SOS Sanidade en Compostela. Foto: Susete Ferrol 4. Miguel Costas (Aeorlíneas Federales) e Sés no Festival de Cans. Foto: Rafa Costas 5. Sés e Miguel Costas. Foto: Pixelin Photo 6. Uxía e Sés na Sala Garufa, na Coruña. Foto: Ángel Gilberto 7. Uxía, Xoán Curiel e Sés. Foto: Xoán Curiel

Concerto solidario para ‘Cambiar de papel’

María Xosé Silvar e Tito José Calviño ofrecerán este mércores, 18 de abril, un concerto benéfico en Compostela en prol da campaña ‘Cambia de papel’, unha iniciativa da ONGD Implicadas no Desenvolvemento coa que pretenden gañar apoios e concienciar á sociedade sobre as inxustizas e desigualdades que sofren millóns de mulleres do Sur, nomeadamente en países como a India.

O concerto será no pub Sónar (rúa Mazarelos, 4-5) ás 23:30 e a entrada custa 8 euros. A actuación de Sés é totalmente desinteresada e a recadación da billeteira irá destinada a financiar os proxectos que Implicadas ten en marcha na India (erradicación do infanticidio, empoderamento das mulleres, etc).

A campaña ‘Cambia de papel’ está aberta a calquera particular ou empresa que queira sumarse cunha donación ou facéndose socio ou voluntario de Implicadas, unha ONGD fundada en 1998 «para contribuír a cambiar o mundo dende o enfoque de xénero e dende Galicia».

Máis información na web da ONGD ou na da propia campaña: www.cambiadepapel.com

10 de maio: Homenaxe ao Zeca

O vindeiro 10 de maio María Xosé Silvar participará no Festival Terra da Fraternidade, un concerto homenaxe ao cantautor portugués Zeca Afonso no que se conmemorarán os 25 anos da súa morte e os 40 de historia da canción ‘Grândola, Vila Morena’, convertida no himno da Revolución dos Cravos de 1974.

Ademais de Sés, máis de 100 artistas galega, entre eles Quico Cadaval, Uxía Senlle, Ugía e Fred Martins, O Leo e García ou Bocixa, participarán no acto, que se celebrará no Auditorio de Galicia. As entradas custan 10 € e xa están á venda.

A recadación do concerto, no que todos os artistas participan de balde, destinarase á gravación dun documental e un disco homenaxe.  Máis información sobre o Zeca e a homenaxe na web do festival, www.terradafraternidade.com

Sés nos centros de ensino

Nos próximos meses María Xosé Silvar participará envarias palestras, entregas de premios e outros actos académicos organizados por institutos e universidades de Galicia:

- 20 de marzo | Instituto de Cacheiras | Palestra e acústico

- 26 de marzo | Instituto de Curtis | Acústico

- 04 de maio | Instituto do Val Miñor (por concretar) | Entrega de premios do concurso de haikus

- 16 de maio | Universidade de Vigo | Entrega dos premios literarios do Departamento de Normalización

Todas as datas, na sección «Concertos«

‘Admirando a Condición’, case 1.000 copias vendidas!

O primeiro disco de Sés está sendo todo un éxito: logo de oito meses no mercado, xa están a piques de esgotarse as 1.000 unidades tiradas na primeira edición de Admirando a condición, publicado en xullo de 2011 por Airapro. A segunda edición do disco, que será doutras 1.000 unidades, xa está en marcha e manterá o mesmo deseño e formato en digipack cá primeira.


Admirando a condición é o primeiro disco de Sés. Mesturouse, gravouse e masterizouse nos estudos Bruar, na Coruña, entre maio e xuño de 2011. O disco inclúe dez temas interpretados pola banda de músicos de Sés (María Xosé Silvar na voz, Aixa Romay, Lucía Souto, Carla Álvarez nos coros, Tito José Calviño na guitarra, Pablo Cedeño no baixo, Miguel Queixas na batería, Cristian Leggiero no piano, Jose Rodriguez no saxo, Moncho Ces na trompeta e David Paz no saxofón) e un corte extra co formato acústico, todos eles compostos por María Xosé Silvar. As imaxes e o deseño do disco son obra do fotógrafo Marcos Martínez.  David Paz encargouse da produción musical e os arranxos.

O disco, que está a recibir moi boas críticas da prensa e os medios especializados, pódese mercar por internet na tenda online de Airapro ou nunha ducia de tendas e librarías espalladas polas catro provincias galegas. Todos os puntos de venda, na sección ‘Admirando a condición

Sés fala na Gentalha

ÚLTIMA HORA: María Xosé Silvar non poderá participar neste acto por enfermidade

Esta quinta feira, xoves 1 de marzo, María Xosé Silvar participará na mesa redonda sobre «Mulher e criaçom cultural» que organiza a Asociación Cultural compostelana Gentalha do Pichel. Xunto con Begoña Caamanho (xornalista), Llerena Perozo (Libraría Lila de Lilith) e María Rosendo (poeta).

Ás 20:30 no local da Gentalha